Sunday 28 de April de 2024

Medio Ambiente e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos buscarán vías de colaboración en materia de paisaxe


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia buscarán xuntos novas vías de colaboración en materia de paisaxe, unha área que demanda políticas de carácter transversal e na que interveñen directa ou indirectamente numerosos colectivos profesionais. Así o acordaron esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez e unha representación da Xunta Reitora da entidade, que aglutina en toda Galicia a preto de 1.500 enxeñeiros.
Durante a súa xuntanza, a responsable galega de Medio Ambiente incidiu na importancia que adquiriu na última década o coidado da paisaxe e a súa toma en consideración en todas as políticas da Xunta relacionadas co territorio. Neste sentido, referiuse á Colección Paisaxe Galega, un conxunto de guías de carácter técnico e profesional promovidas polo Instituto de Estudos do Territorio cuxo obxectivo é desenvolver criterios de integración paisaxística e de boas prácticas co fin de aplicalos en diferentes campos de actuación.
De feito, Vázquez Mejuto aproveitou o encontro para facerlles entrega aos representantes do Colexio de Enxeñeiros de catro das oito guías da Colección Paisaxe que xa están rematadas. Así mesmo, tamén lles avanzou que os traballos de redacción do novo manual para a integración paisaxística das actividades extractivas e da guía de boas prácticas de identificación e acondicionamento de miradoiros xa están moi avanzados.